Entrevista de Arantxa Serantes

Reproduzo a entrevista de Arantxa Serantes, na que se fala sobre ‘O alento da musa’, publicada na web da Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro.
Visitade a páxina aquí.

Entrevista a Alberte Momán por Arantxa Serantes

O alento da musa é un título moi suxerinte. Que poderán atopar neste libro os lectores que se acheguen á túa obra?

Unha historia da que poderiamos chamar mínima, para facer o paralelismo co filme. Atoparanse un alento de esperanza en confrontación coas adversidades da vida cotiá. O título fai referencia a un apartado do libro, que resulta ser unha constante ao longo da narración, co que se pretende mostrar unha oposición clara ao que resulta da faciana máis dura da sociedade deshumanizada, da violencia tanto física como psicolóxica. Móstranse, deste xeito, os resultados desastrosos da violencia machista, así como a autodestrución do individuo que evita a relación de parella para obsesionarse coa virtualidade do sexo vía internet, ou a persoa que vive moi de perto a violencia que sofren aqueles que a rodean.

Cres que as relacións humanas son tan complexas coma no teu libro? Por que te fixas no seu aspecto máis físico? É un intento de afondar no home máis primixenio e instintivo?

As relacións humanas son moito máis complexas do que, pretendidamente, se intenta mostrar dende a perspectiva da sociedade de mercado, na que ficamos catalogados segundo a escasa e deficiente gama de produtos de consumo á que podemos acceder. Non considero que incida só no aspecto máis físico da relacións humanas, o que si pretendo é mostrar unha realidade que si resulta palpable, na que a interacción entre as persoas, a cada intre, redúcese máis a un determinado ámbito. Se observamos a propaganda cuspida dende os media, observamos que todo obxecto de consumo, todo canto ten a característica de vendible, recibe unha orientación sexual. Dende este punto de vista, calquera anuncio de coche ou calquera colonia, vaise mostrar ao grande público como un obxecto para favorecer o contacto sexual, directa ou indirectamente. O trauma causado pola non consecución dos obxectivos que marca a propaganda vai ter unha resposta hostil, por parte do individuo insatisfeito, co mesmo caracter marcadamente sexual. Por outra banda, a moral sempre marcou á sociedade establecendo fronteiras de cara a satisfacción do desexo carnal, a ruptura desas fronteiras, para determinados individuos alienados previamente por unha imaxe de éxito e poder errada, pode inducir a condutas sociópatas.

Apostas por unha poesía comprometida ou creativa? Cres que a poesía pode ter nos nosos días un papel social relevante ou non ten futuro nunha sociedade deshumanizada?

A idea de que o compromiso e a creatividade non poden ir da man, antóllaseme unha idea relacionada máis coa propaganda anticomunista dos tempos da guerra fría, que co que é a realidade máis actual. Centrándonos no país, alguén podería desvincular da obra de Chus Pato, por citar un exemplo, a súa enorme creatividade do seu máis contundente compromiso? Sinceramente, coido que non. Xustamente porque a tendencia da sociedade é a eliminar todo aspecto humano nas relacións interpersoais, a poesía e a literatura en xeral, xogan un papel, se cadra, máis importante, para devolver o humano a cada un de nós.

É sabido que a túa labor na escrita foi recoñecida con diversos premios, Cal é a túa recomendación para os poetas noveis?

Que innoven até o punto de buscar novas canles de difusión da cultura.

 

Es profeta na túa terra natal, Ferrol?

Afortunadamente, non son profeta en ningures. Máis ben son unha vítima da situación xerada nun Ferrol desmembrado, do que me vin na obriga, como moitos/as outros/as, de marchar para poder realizarme tanto no eido persoal como no profesional. Agora, despois de anos de ausencia, podo dicir que como en Ferrol non me sinto en ningún outro lugar, pero sen acabar de pertencer a esta cidade.

Tes algún proxecto literario en mente ou algún que aínda non puideches levar a cabo?

Acabo de rematar un libro de relatos no que redundo na violencia, pero orientándoa cara o que me resulta máis íntimo. Desta volta si fico en Ferrol, para contar, en parte, o que aconteceu con esta cidade despois da reconversión naval.

En canto a proxectos para os que aínda non atopei unha vía de escape, teño un feixe deles, algúns que fun descartando cos anos, e outros que manteño á vista, agardando o momento no que saian á luz.

         Tendo en conta que tes unha formación académica moi técnica, gustaríame saber: Como comezou a túa afección pola verba escrita? comezaches a publicar dende que eras novo?

No meu caso, como noutros, foi previo o interese pola escrita á formación académica. Neste sentido, unha das primeiras persoas que me animou a mostrar o meu traballo literario foi unha mestra de lingua que tiven durante o bacharel, no IES Sofía Casanova. Ela levoume ao meu primeiro recital e fíxome sentir que cada texto que escribise tiña sentido, cando menos para min.

Tamén debo salientar o papel das traballadoras da biblioteca pública de Narón, que me descubriron un cento de libros interesantes.

Logo chegou o meu primeiro recoñecemento, coido recordar no 1995, nun certame literario que se celebraba en Dornedá, perto de Oleiros, o que me serviu para publicar algunha cousa en revistas varias.

 

 

O alento da musa no Ateneo de Ferrol

Anúncios

One Comment to “Entrevista de Arantxa Serantes”

  1. moi boa entrevista…
    ánimos e esas cousas!!

Deixe um comentário

Preencha os seus dados abaixo ou clique em um ícone para log in:

Logotipo do WordPress.com

Você está comentando utilizando sua conta WordPress.com. Sair /  Alterar )

Foto do Google+

Você está comentando utilizando sua conta Google+. Sair /  Alterar )

Imagem do Twitter

Você está comentando utilizando sua conta Twitter. Sair /  Alterar )

Foto do Facebook

Você está comentando utilizando sua conta Facebook. Sair /  Alterar )

Conectando a %s

%d blogueiros gostam disto: