dezembro 3, 2010

Un alento para a defensa do idioma

A Difusora das Letras, Artes e Ideas e máis eu, como autor de O alento da musa,  vimos de comezar cunha campaña na que persoas ligadas á defensa do libro, a lingua e a cultura galegas recibirán un exemplar do volume, xunto cunha carta na que se lle recoñece o traballo realizado. Sabedores de que non podemos chegar con esta iniciativa a todas as persoas, colectivos e institucións, tanto a editora coma min, desexamos, con todo, poñer en valor a ardua tarefa da defensa da lingua galega, na súa vinculación co proceso de creación literaria en Galiza.

maio 29, 2010

O Alento da Musa en Paraños (O Covelo)

O Alento da Musa foi repartido gratuitamente entre os asistentes á xornada festiva que a Asociación de Veciños de Paraños (O Covelo), celebrou polo día das Letras Galegas, o pasado 17 de Maio.

Case unha veintena de exemplares repartidos entre as veciñas e os veciños de Paraños, parroquia do concello de O Covelo, para conmemorar o día das Letras Galegas. As nosas letras que levaron á casa da cultura música e literatura, nunha xornada onde o protagonista foi Uxío Novoneyra.

janeiro 10, 2010

O alento da musa no Suplemento Cultural de La Opinión

O 7 de xullo de 2007, no Suplemento Cultural da Opinión, Saberes, saía unha reseña de O alento da musa, deita por Ramón Nicolás, que me pasara desapercibida no seu momento e que hoxe recupero, malia non augurarme un grande futuro:

Da man da editora ourensá Difusora, e inaugurando a denominada Colección Literal, chega esta novela de Alberte Momán baixo o título d’O
alento da musa, autor coñecido até o de agora por resultar galardoado en diversos certames como Francisco Añón e o Rosalía de Castro de Cornellá no xénero poético, ou o Narrativas Quentes de Edicións Positivas, alén da súa participación en diversas obras de carácter colectivo. O autor achégase nesta entrega aos eidos da ficción realista a través do relato que nos chega principalmente da voz dunha muller que, co adaxo de contar as súas experiencias, afonda sen prexuízos e desde unha atalaia desinhibida, nas súas vivencias abeiradas aos sentimentos da soidade, da incomunicación, as súas relacións persoais, o desexo de maternidade ou as duras condicións laborais ás que está sometida. E todo isto articúlase a través dunha estrutura que xira arredor de tres grandes bloques interrelacionados entre si pola (re)aparición de diversos personaxes. A querenza polo fragmentarismo, mesmo polo trazo narrativo contundente aliviado de barroquismos, e a invitación sutil a que o lector vaia completando por si mesmo un mosaico de situacións e incertezas coido que é un dos grandes acertos da novela, especialmente palpábel, ao meu ver, na p r i m e i r a parte da novela, dominada pola contención e mesmo con certas páxinas brillantes. De aquí en adiante o lector sente que a liña argumental vai ensarillándose de tal xeito que aos poucos aumenta certa sensación de desorientación e o cúmulo de casualidades que concorren provocan que a verosimilitude, sempre necesaria dentro dos códigos realistas nos que opera, vaia esmorecendo e cada vez máis se vaian perdendo as doses de complicidade que até o momento se concederan con satisfacción. Fóra disto é doado rastrexar certa mudanza, un tanto incomprensíbel, na tonalidade narrativa pois velaí os discursos e diálogos moito máis formalizados que se atopan nas páxinas finais da novela. Con todo, esta peza non agocha, ao meu ver, un autor con proxección, que sabe moverse con axilidade nos ámbitos da narración e do que cómpre agardar novos retos e propostas narrativas. O libro inclúe, ademais, unha plaquette con dez breves e esencialistas poemas do autor baixo o título de Déixanse levar, desde os que afonda na construción dun exercicio, lírico agora, da memoria e das derrotas, acaído coa súa proposta narrativa.

abril 2, 2009

referencias

volve á mente de Eyré o meu Alento, para facer comparacións sempre literarias, agradecidas, sempre tamén, por iso de facer memoria, de contribuír a construíla. Porque malia que un mesmo renegue, ás veces, de formar parte do que dan en chamar xeracións, si integra un mundo literario dun país e un tempo concreto, o que serve para identificalo con outras realidades literarias próximas. Esas relacións, esas referencias, serven tamén a lectores, críticos e analistas en xeral, para ir localizando e identificando a cada figurante desta masa creativa cunha coxuntura concreta, o que facilita o seu estudo.

fevereiro 15, 2009

O alento da musa e google books

o alento da musa

Xunto á importancia que actualemente se lle outorga ás novas ferramentas de edición virtual, atopamos tamén unha ferramenta de marketing como é a aparición das obras en estruturas como o google books.

Neste sentido, e coñecendo o meu interese por explorar todos os camiños da edición, mostro hoxe o espazo de ‘O alento da musa’ nese espazo.

Neste enlace, poderedes acehgarvos un chisco ao libro.

outubro 15, 2007

‘O alento da musa’ no readgalicia.com

‘The premise that great stories in literature can start behind a cash register is the excuse to introduce a brief but intense story in which frustrated lives, victims of necessity, interact. It is an optimistic vision that shows how the characters disagree with what happens to them, and thus stop being victims and control their own lives.’

Esta é a tradución ao inglés que se fai da contraportada do libro, e que aparece na páxina que promove a Consellería de Cultura e Deporte e a Asociación Galega de Editores, http://www.readgalicia.com.

+Info. 

Con este novo espazo, preténdese dar a coñecer a literatura galega no exterior.presentación en Frankfurt do espazo web readgalicia.com

outubro 5, 2007

Entrevista de Arantxa Serantes

Reproduzo a entrevista de Arantxa Serantes, na que se fala sobre ‘O alento da musa’, publicada na web da Asociación de Estudos Filosóficos Doutor Castro.
Visitade a páxina aquí.

Entrevista a Alberte Momán por Arantxa Serantes

O alento da musa é un título moi suxerinte. Que poderán atopar neste libro os lectores que se acheguen á túa obra?

Unha historia da que poderiamos chamar mínima, para facer o paralelismo co filme. Atoparanse un alento de esperanza en confrontación coas adversidades da vida cotiá. O título fai referencia a un apartado do libro, que resulta ser unha constante ao longo da narración, co que se pretende mostrar unha oposición clara ao que resulta da faciana máis dura da sociedade deshumanizada, da violencia tanto física como psicolóxica. Móstranse, deste xeito, os resultados desastrosos da violencia machista, así como a autodestrución do individuo que evita a relación de parella para obsesionarse coa virtualidade do sexo vía internet, ou a persoa que vive moi de perto a violencia que sofren aqueles que a rodean.

Cres que as relacións humanas son tan complexas coma no teu libro? Por que te fixas no seu aspecto máis físico? É un intento de afondar no home máis primixenio e instintivo?

As relacións humanas son moito máis complexas do que, pretendidamente, se intenta mostrar dende a perspectiva da sociedade de mercado, na que ficamos catalogados segundo a escasa e deficiente gama de produtos de consumo á que podemos acceder. Non considero que incida só no aspecto máis físico da relacións humanas, o que si pretendo é mostrar unha realidade que si resulta palpable, na que a interacción entre as persoas, a cada intre, redúcese máis a un determinado ámbito. Se observamos a propaganda cuspida dende os media, observamos que todo obxecto de consumo, todo canto ten a característica de vendible, recibe unha orientación sexual. Dende este punto de vista, calquera anuncio de coche ou calquera colonia, vaise mostrar ao grande público como un obxecto para favorecer o contacto sexual, directa ou indirectamente. O trauma causado pola non consecución dos obxectivos que marca a propaganda vai ter unha resposta hostil, por parte do individuo insatisfeito, co mesmo caracter marcadamente sexual. Por outra banda, a moral sempre marcou á sociedade establecendo fronteiras de cara a satisfacción do desexo carnal, a ruptura desas fronteiras, para determinados individuos alienados previamente por unha imaxe de éxito e poder errada, pode inducir a condutas sociópatas.

Apostas por unha poesía comprometida ou creativa? Cres que a poesía pode ter nos nosos días un papel social relevante ou non ten futuro nunha sociedade deshumanizada?

A idea de que o compromiso e a creatividade non poden ir da man, antóllaseme unha idea relacionada máis coa propaganda anticomunista dos tempos da guerra fría, que co que é a realidade máis actual. Centrándonos no país, alguén podería desvincular da obra de Chus Pato, por citar un exemplo, a súa enorme creatividade do seu máis contundente compromiso? Sinceramente, coido que non. Xustamente porque a tendencia da sociedade é a eliminar todo aspecto humano nas relacións interpersoais, a poesía e a literatura en xeral, xogan un papel, se cadra, máis importante, para devolver o humano a cada un de nós.

É sabido que a túa labor na escrita foi recoñecida con diversos premios, Cal é a túa recomendación para os poetas noveis?

Que innoven até o punto de buscar novas canles de difusión da cultura.

 

Es profeta na túa terra natal, Ferrol?

Afortunadamente, non son profeta en ningures. Máis ben son unha vítima da situación xerada nun Ferrol desmembrado, do que me vin na obriga, como moitos/as outros/as, de marchar para poder realizarme tanto no eido persoal como no profesional. Agora, despois de anos de ausencia, podo dicir que como en Ferrol non me sinto en ningún outro lugar, pero sen acabar de pertencer a esta cidade.

Tes algún proxecto literario en mente ou algún que aínda non puideches levar a cabo?

Acabo de rematar un libro de relatos no que redundo na violencia, pero orientándoa cara o que me resulta máis íntimo. Desta volta si fico en Ferrol, para contar, en parte, o que aconteceu con esta cidade despois da reconversión naval.

En canto a proxectos para os que aínda non atopei unha vía de escape, teño un feixe deles, algúns que fun descartando cos anos, e outros que manteño á vista, agardando o momento no que saian á luz.

         Tendo en conta que tes unha formación académica moi técnica, gustaríame saber: Como comezou a túa afección pola verba escrita? comezaches a publicar dende que eras novo?

No meu caso, como noutros, foi previo o interese pola escrita á formación académica. Neste sentido, unha das primeiras persoas que me animou a mostrar o meu traballo literario foi unha mestra de lingua que tiven durante o bacharel, no IES Sofía Casanova. Ela levoume ao meu primeiro recital e fíxome sentir que cada texto que escribise tiña sentido, cando menos para min.

Tamén debo salientar o papel das traballadoras da biblioteca pública de Narón, que me descubriron un cento de libros interesantes.

Logo chegou o meu primeiro recoñecemento, coido recordar no 1995, nun certame literario que se celebraba en Dornedá, perto de Oleiros, o que me serviu para publicar algunha cousa en revistas varias.

 

 

O alento da musa no Ateneo de Ferrol

julho 23, 2007

‘O alento da musa’ no semanario A Nosa Terra

A Nosa Terra número 1265

Xosé M. Eyré, fai unha crítica de ‘O alento da musa’ no número 1265 do semanario A Nosa Terra.

Descarga e le aquí.

julho 19, 2007

‘O alento da musa’ no suplemento cultural Kalaikia

número 10 de Kalaikia

O número 10 do suplemento cultural Kalaikia, que distribue o xornal A Peneira, dedica unha páxina para falar de O alento da musa.

julho 17, 2007

Críticas

Crítica de Mariademallou en sono-tone.net